Tiña moitas ganas dende fai tempo de facer esta entrada. Seguro que me quedarei curta a hora de escribir, coma sempre deixarei detalles sen nomear a pesar de que me gustaría facelo pero polo menos o que escriba espero que quede ben expresado e acorde ao que realmente quero relatar. Moitas grazas de antemán a todo aquel que lle dedique unha pequena parte do seu tempo a ler isto.
O deporte foi considerado dende os seus inicios como "cousa de homes" e aínda hoxe, no século XXI non son poucas as persoas que aínda defenden ese tópico. Non son soamente algúns homes o que o consideran así senón que tamén algunhas mulleres son partícipes. En persoas de certa idade poderíase comprender debido a educación que recibiron nuns tempos nos cales o papel da muller na sociedade era nulo, porén na xuventude manifesta a sociedade conservadora e pouco animada ao cambio ou ao avance na cal vivimos.
En certos deportes dalgún modo si é permitida a participación da muller mentres noutros non está tan recoñecida; sendo o fútbol o rei no mundo do deporte. Dende cando o fútbol e un sinónimo de deporte?. Por exemplo, un atleta de elite leva a cabo unha preparación e un esforzo abismal ao lado dun futbolista sendo o seu peto tamén un abismo. Sei de certo que si pregunto polo nome dunha futbolista española dubido moito obter respostas. Haber hainas e si non se chegan a coñecer non é porque o seu papel como deportistas sexa malo senón que nos medios de comunicación cotiáns non o mostran e obviamente non se pode obter repercusión algunha. Ao abrir calquera xornal deportivo pódese probar perfectamente. Ao final, nas últimas páxinas en dúas carillas ou como moito en tres poden lerse pequenas anotacións que fan referencia ao deporte feminino en contraposición dos artículos restantes que falan maioritariamente sobre fútbol no ámbito masculino, predominando os dous clubs fortes presentes en España.
En canto ao baloncesto.... todo o mundo recoñece a Rudy Fernández, pero súa irma Marta Fernández, gran deportista no que o baloncesto feminino concirne, alguén a recoñecería? seu irmán podería vivir unha e outra vez co diñeiro que desembolsa mais Marta teno bastante máis difícil. O baloncesto feminino non vende, as únicas mulleres que se ven nunha cancha de baloncesto a través de canles que chegan a calquera fogar de España son as animadoras ou as bailarinas que saen ao terreo de xogo mentres este está detido. A repercusión nos medios sobre o tenis non é moita e a gran maioría, sabemos de que xénero é. No casting que levou a cabo unha das marcas patrocinadoras no pasado Máster encargouse de elixir as modelos recollepelotas, máis tarde tamén serían seleccionados eles con unha intención moi clara ao igual que noutros deportes como Fórmula 1 ou en Motociclismo o papel das chicas está moi ben determinado, cumpren unha función moi importante. As denominadas "umbrella girls"polos americanos, aínda que non chova nin faga sol elas aló están, na parrilla de saída co seu mellor sorriso crendo que forman parte do mundo deportivo. Está moi claro que o deporte é sexista ao igual que a publicidade e mesmo os medios de comunicación ou os propios seguidores e seguidoras. Hai quen ve o fútbol por ver o torso de 22 xogadores nun terreo de xogo ao igual quen hai que apostaría por ver un torneo de voleibol feminino no cal o uniforme deixa ver perfectamente as curvas das xogadoras... Pérdese de vista o deporte pero mentres haxa demanda na taquilla e audiencia diante dun televisor todo irá ben.
Todos os nenos nalgún momento da súa infancia reciben un balón como agasallo e algúns deles dánse conta de que o fútbol non lles gusta mentres o pai forofo por tal deporte síntese un tanto alarmado. Un día ese neno descobre que lle encanta o baile, sentirase como o pequeno Billy Elliot facendo soar tódalas alarmas ante o incrédulo de seu pai. Por que non ía a poder bailar si é o que realmente lle gusta? ah! olvidaba que ese si pode ser un deporte considerado "cousas de mulleres", non é así? E o mesmo pasa a inversa. Unha cativa que lle gusta xogar coas súas "barbies" e as súas bonecas tamén lle pode gustar xogar ao fútbol, por que non ía poder facelo?; por que custa tanto entender que unha cousa non quita a outra? Acaso o deporte non é saudable e recomendable? Parece ser cousa do diaño ver a unha rapaza xogando ao rugby, ese deporte tan masculino que require tanta forza! ou dándolle patadas a un balón. Impensable para moitos! Non son poucos os comentarios que se oen pero si son poucas as respostas que se dan para poder defendelo.
1 comentarios:
Thank you very much! ... I´m suprised that my texts are read in other countries.
Publicar un comentario