A miña historia está escrita nalgún lugar e tras de min chegarán novos personaxes escribindo a súa propia. Quedando os antecesores no anonimato ao igual que hoxe descoñezo cales son os meus. Gustaríame poder deixar algún sinal da miña existencia pero non son ninguén. Intento facer a miña propia árbore xenealóxica pero algunhas pólas caen polo seu propio peso e as máis altas confúndense quedando baleiras, sen sentido, sen significado. So podería recoller unha pequena parte do que hoxe son. So podería descubrir un nome e coma moito o primeiro apelido dalgún tataravó, persoa non intelectual a cal non supón un feito relevante na historia pero quen de verdade a crearon foron eles atribuíndo méritos aos OUTROS. Non dispuña sequera de medios para chegar a perder o seu anonimato e que asoballado durante toda a súa vida víase obrigado a baixar o sombreiro cada vez que se atopaba ante o "rico" dono das terras e dono da súa vida ata certo punto. Coma este moitos máis se viron na mesma situación. Coñecían mellor ca ninguén o que era o sacrificio, a resignación, o medo e o valor das cousas pequenas en contraposición aos poucos que dispuñan de todo o que desexasen dende o seu nacemento. Mesmo antes de nacer xa dispuñan dun posto dirixente na sociedade.

Porén, hoxe ninguén se acorda diso, vivimos rodeados de "gente bien" que renega das súas raíces humildes ou de todo o parecido a dito termo. Tripando un nos outros e esfolándose ou non por chegar ao máis alto, un alto cheo de inseguridades para os que o acadan por méritos propios e a vez é un alto asegurado para os nados no seo dunha familia de gran historia económica que tentará sempre arrumbar aos que de verdade merecen estar aí.

0 comentarios:
Publicar un comentario