Antes da túa chegada xa te agardamos con inquietude. Coa túa marcha quedamos agardando de novo co mesmo ou quizais maior nerviosismo o teu regreso no vindeiro ano. Durante o teu paso deixas en nos unha gran pegada, marcada con maior ímpeto a partir do Xoves de Comadres. Un gran número de mulleres e algún home disfrazado baixan polo Camiño Real rodeados pola maxia e iluminación das velas, dándolle as costas ao noso castelo, o castelo de Monterrei que dende o alto divisa toda a vila. Un precioso parpadeo de estrelas sobre o ceo escuro mestúrase coa cor amarela dos focos que iluminan tal castelo mentres un fermoso e antigo camiño se enche de cores de distintos traxes, entre as cales o cigarrón é o protagonista indiscutible. Co son das súas chocas recíbese a esa cantidade de xente que baixa paseniñamente ata o noso barrio de San Lázaro na espera da túa chegada, Don Carnal. Non é só o son das chocas, é o enigma do sorriso da careta, a garra do animal que nela leva pintado, a cor das cintas da chaqueta e sobre todo o orgullo e o sentimento de saber que esa figura forma parte da nosa historia, da nosa terra, dos nosos antepasados. Tratándose pois dun sentimento arraigado a pel que esta agochado en nos durante todo o ano e que parece ser manifestado cada ano nun maior grao. Un sentimento inexplicable e a vez tan fácil de sentir que che deixa o corpo incandescente ao mesmo tempo que a pel parece mostrarse xélida ante ese son celestial para os nosos oídos que se dilúe coa música das charangas que percorren as rúas. Ese día, o Xoves de Comadres simboliza a unión dun pobo, o orgullo de pertencer a esa propia cultura, tradición e costumes. Satisfacción por formar parte de algo tan grande e valioso. Asemade, simboliza a chegada de seis días impresionantes nos cales te mesturaras coa maior expresión de diversión, sendo quen de contaxiar aos do teu carón ao mesmo tempo que eles te contaxian a ti.
Como verinesa que son, para min o mellor entroido é o da miña vila. Porén, considero que para cada un o entroido da terra que sente súa, a calor da súa xente e as súas propias tradicións distintas aos de calquera outro recuncho son iguais de dignas e merecentes de respectar pois o mellor entroido é aquel que nós mesmos sintamos noso.
2 comentarios:
Moi interesante e emocionante relato. Noraboa, María.
Moitas grazas ;)
Aficcioneime un pouco a isto do blog.
Publicar un comentario