Día a día camiñando pola rúa encóntraste con caras novas, con miradas distintas ou tal vez non sexan novas, simplemente non te fixaras nunca antes. Indefinido número de persoas se cruzaron, cruzan e cruzaran durante as nosas vidas. Algunhas teremos o pracer de coñecelas e descubrir algo novo e outras… serán tan só un individuo máis para nós e especial ao mesmo tempo para moitas outras. Alguén dixo unha vez que ninguén se cruza na túa vida só por casualidade, entran por unha razón, durante unha estación ou unha vida enteira. Os que foron quedando nun recuncho da miña memoria, pregúntome que sería deles, recordo bos momentos gardando certa nostalxia e valorando detalles que no seu momento non querían dicir nada e que agora podería extraer tanto deles que me permitirían escribir durante horas. Quen sabe… tal vez algún día volva a atoparme con eles.
A miña historia está escrita nalgún lugar e tras de min chegarán novos personaxes escribindo a súa propia. Quedando os antecesores no anonimato ao igual que hoxe descoñezo cales son os meus. Gustaríame poder deixar algún sinal da miña existencia pero non son ninguén. Intento facer a miña propia árbore xenealóxica pero algunhas pólas caen polo seu propio peso e as máis altas confúndense quedando baleiras, sen sentido, sen significado. So podería recoller unha pequena parte do que hoxe son. So podería descubrir un nome e coma moito o primeiro apelido dalgún tataravó, persoa non intelectual a cal non supón un feito relevante na historia pero quen de verdade a crearon foron eles atribuíndo méritos aos OUTROS. Non dispuña sequera de medios para chegar a perder o seu anonimato e que asoballado durante toda a súa vida víase obrigado a baixar o sombreiro cada vez que se atopaba ante o "rico" dono das terras e dono da súa vida ata certo punto. Coma este moitos máis se viron na mesma situación. Coñecían mellor ca ninguén o que era o sacrificio, a resignación, o medo e o valor das cousas pequenas en contraposición aos poucos que dispuñan de todo o que desexasen dende o seu nacemento. Mesmo antes de nacer xa dispuñan dun posto dirixente na sociedade.
Porén, hoxe ninguén se acorda diso, vivimos rodeados de "gente bien" que renega das súas raíces humildes ou de todo o parecido a dito termo. Tripando un nos outros e esfolándose ou non por chegar ao máis alto, un alto cheo de inseguridades para os que o acadan por méritos propios e a vez é un alto asegurado para os nados no seo dunha familia de gran historia económica que tentará sempre arrumbar aos que de verdade merecen estar aí.