O galego que non fala na lingua da súa terra nin sabe o que ten de seu nin é merecente dela

(Castelao)

jueves, 1 de abril de 2010

A Santa compaña, crenza mítica

Quizais sexa, unha das crenzas míticas máis arraigadas no rural galego. Coñécese tamén en Galicia con varios nomes: Estadea, Estantiga, Rolda, As da noite, Pantalla, Avisóns, Pantaruxada. Todos eles son termos que nos indican a presencia dun colectivo de mortos no mundo dos vivos.

Son varias as versións que na bibliografía podemos atopar sobre a Santa Compaña, de aí a dificultade para poder definila con exactitude. Agás excepcións, hai unha serie de trazos xerais nos que coinciden a meirande parte dos autores ó se referiren a ela: "procesión de mortos ou almas en pena que nas brétemas da noite (a partir das doce) percorren errantes as sendas e camiños dunha parroquia".

Esta procesión vai encabezada por un vivo portando unha cruz e un caldeiro de auga bendita seguido de tódalas ánimas con velas acesas, non sempre visibles, notándose a súa presencia polo cheiro a cera e o vento que levanta ó seu paso.

O portador da cruz non pode en ningún momento volver a vista atrás nin renunciar ós seus cargos precedendo a Santa Compaña.

Só quedará liberado cando encontre outra persoa a quen lle entregará a cruz e o caldeiro.

Para se salvar desta obrigación a persoa que vexa pasa a Santa Compaña debe trazar un círculo no chan e meterse dentro del ou ben botarse boca abaixo.

Aínda que na maioría das historias sobre a Santa Compaña esta realiza a súas aparicións de noite, tamén hai casos citados nos que se fala de saídas diúrnas.

A persoa viva que precede a procesión pode ser home ou muller, dependendo se o patrón da súa parroquia é santo ou santa.